Bugallo e Begoña Rodríguez pídenlle á Xunta “que reconsidere” os recortes no CPI Castro Baxoi de Miño e reivindican “un ensino público de calidade”

Xosé Sánchez Bugallo e Fabián Canosa, candidatos ao Senado, xunto a Begoña Rodríguez Rumbo, vicevoceira do PSdeG no Parlamento galego, reclamaron hoxe “un ensino público de calidade” en Miño.

Convocados polo alcalde, Manuel Vázquez Faraldo, a dirección do centro e a ANPA, amosaron a súa preocupación pola decisión da consellería de pechar unha das dúas aulas de cuarto de Educación Infantil, cando no curso pasado contaban con dúas unidades.

“A consellería asegura como sempre que non se cumpren os ratios, pero Miño é un concello que gaña poboación, con moitas parellas con fillos que necesitan servizos, polo que lle demandamos que reconsidere esta decisión, que vai en contra da calidade na educación publica”, afirmou Rodríguez.

Bugallo engadiu que “o CPI Castro Baxoi ten máis de 500 alumnos e necesita melloras en algunhas infraestruturas, como o patio, e non pode permitirse perder dous mestres, un de apoio e o da segunda unidade de cuarto de Educación Infantil”.

“A Xunta demostra falta de sensibilidade nun tema tan importante como é o ensino público”, remata o candidato ao Senado.

Algunhas novas relacionadas