
O PSdeG apoia ás familias do CEIP San Luis Romero de Carballo e levará as súas demandas ao Parlamento galego
As familias do CEIP San Luis Romero de Carballo convocaron unha concentración para amosar o seu rexeitamento aos recortes na educación, e en particular do recorte de profesorado do centro, co peche dunha aula de educación infantil.
O PSdeG-PSOE apoiou e participou na concentración, que contou coa presencia dos candidatos socialistas nas vindeiras eleccións xerais Diego Taibo e Fabián Canosa, e mais coa da vicevoceira da formación no Parlamento galego Begoña Rodríguez Rumbo. Os socialistas xa anunciaron que levarán as reivindicacións dos afectados ao Parlamento galego.
Na protesta, Rodríguez Rumbo esixiu “que a Consellería de Educación non siga con eses recortes que está facendo continuamente na educación pública, que fan que a calidade da educación que reivindicamos dende o Partido Socialista non chegue a todo o alumnado”.
“Non se pode basear a educación dos nenos e as nenas en ratios”, reclamou a socialista, xa que “os nenos e as nenas galegas teñen dereito a unha educación pública, universal, gratuíta, e sobre todo de calidade”. “Seguiremos loitando para que estes recortes non sigan adiante”, concluíu.