Bernardo Fernández denuncia “o tortuoso comezo do curso no ensino público, cunha Xunta que aplica máis recortes e dinamita a aplicación da LOMLOE”

O secretario xeral do PSdeG-PSOE da provincia da Coruña, Bernardo Fernández, lamenta “o tortuoso comezo do curso no ensino público, cunha Xunta de Galicia que aplica cada vez máis recortes e dinamita a aplicación da LOMLOE”.

Os socialistas celebraron unha reunión de traballo coa comunidade educativa local para falar da nova Lei de Educación (LOMLOE) e escoitar as súas demandas, coincidindo co comezo do curso escolar.

No encontro, celebrado na sede do partido na Coruña, participou María Luz Martínez Seijo, secretaria de Educación e FP do PSOE, que manifestou que a LOMLOE “é unha lei moderna e plural, que defende os principios de equidade e de inclusión”.

“Falamos dunha lei que conecta coa realidade actual, cos últimos cambios sociolóxicos, tecnolóxicos e científicos, unha normativa moi ben recibida polos profesionais do ensino”, engadiu Martínez Seijo.

Bernardo Fernández eloxiou o traballo dos profesionais, “que fan fronte a diario a unha desfeita, con situacións de titores duplicados en centros diferentes e unha discrecionalidade evidente no reparto dos recursos públicos, en moitos casos procedentes do Estado”.

Na xornada interviron tamén Carmen Fernández Morante, secretaria de Educación do PSdeG, e Fabián Canosa, secretario de Educación Provincial.

Algunhas novas relacionadas