O PSOE apoia a concentración das ANPAS da Costa da Morte en defensa da educación pública

O PSdeG-PSOE Provincial da Coruña acudiu á praza do Concello de Carballo xunto á Federación de ANPAS da Costa da Morta e familias de diferentes colexios da zona para participar nunha concentración convocada en defensa da educación pública. Participou na mesma o concelleiro socialista en Camariñas e secretario de Educación da executiva do PSdeG provincial Fabián Canosa. 

En referencia ao concurso de destinos provisionais do profesorado, Canosa sinalou que “mañá veremos se o Goberno da Xunta de Galicia aposta por unha educación pública de calidade dando profesorado a todos os centros educativos que o precisan, ou pola contra se lle da as costas a comunidade educativa”. 

“A consellería está a suprimir aulas e profesorado e non está atendendo ás necesidades do alumnado e das familias”, criticou o socialista dende a concentración. 

Fabián Canosa lembrou tamén que dende o PSdeG presentaron “unha moción para a defensa do ensino público no Parlamento galego, pero o PP abstívose, e en varios Concellos da Costa da Morte están votando en contra de defender a educación pública e de calidade”. 

Algunhas novas relacionadas