Bugallo critica que coa “fórmula Feijóo” os pensionistas “terían perdido máis do 20% do seu poder adquisitivo”

Xosé Sánchez Bugallo e Obdulia Taboadela, candidatos do PSdeG na provincia ao Senado e ao Congreso respectivamente, visitaron o feirón de Salgueiriños. Os socialistas aproveitaron a ocasión para criticar a “axenda oculta” de Feijóo respecto das pensións. 

“Unha das múltiples mentiras de Feijóo no debate con Pedro Sánchez foi dicir que eles votaran a favor da reforma da lei de pensións que garante que se actualicen cada ano co IPC”, sinalou Sánchez Bugallo. “Votaron en contra, e ademais teñen anunciado que van modificar esta lei con carácter inmediato”, afirmou. 

O candidato e exalcalde de Santiago pregúntase, xa que Feijóo “ten afirmado que vai preservar a idade de xubilación”, que é o que pretende cambiar da Lei de Pensións. “Da a pista el mesmo cando di que o que quere é garantir o equilibrio económico das pensións; Claramente, do que está falando é de volver ao sistema de cálculo antigo”, sinala o socialista.  

“Con este sistema, con subidas do 0,25% cada ano, nos últimos cinco anos as pensións terían subido 10,66€ en vez de 240€ como ocorreu coa reforma da lei”, critica Bugallo. “Os pensionistas terían perdido máis do 20% do seu poder adquisitivo de aplicar a formula de Feijóo”, explicou.  

Bugallo esixiulle ao candidato do PP “claridade neste tema, porque ten unha axenda que oculta a toda á cidadanía pero que ten previsto aplicar se chega ao Goberno”. 

Obdulia Taboadela sinalou tamén que “cando Feijóo di que non vai tocar as pensións, o que está dicindo en realidade é que vai facer o mesmo que fixo no seu día Mariano Rajoy cando subiu 0,25 céntimos a pensión”. A candidata socialista concluíu afirmando que “o PP ten moi claro cales son os seus obxectivos, e estes non pasan por mellorar a vida dos pensionistas”. 

Algunhas novas relacionadas