Bernardo Fernández denuncia que os orzamentos da Xunta “só están repartidos na provincia da Coruña alí onde goberna o PP”

O PSdeG-PSOE provincial da Coruña realizou a súa valoración dos orzamentos da Xunta de Galicia para 2024. No acto participaron o secretario xeral provincial, Bernardo Fernández Piñeiro, o secretario de Organización na provincia, Diego Fernández López, e o membro da executiva provincial Aitor Bouza Manso.  

Fernández Piñeiro comezou a súa intervención sinalando que o documento “non pode ser máis desolador, posto que adolece das mesmas eivas e malas costumes dos orzamentos de anos anteriores, que demostraron ser inútiles para dar solucións aos problemas da cidadanía da provincia”.  

“Hai unha clara vontade partidista de realizar a maioría dos investimentos en concellos gobernados polo PP, a pesares de que só ostenta a alcaldía en 34 dos 93 concellos da provincia, desprezando aos 59 restantes”, denuncia o secretario provincial.  

O socialista recalca que “estes recursos, que saen dos impostos da veciñanza de todas as vilas da provincia, están repartidos maioritariamente alí onde goberna o PP, demostrando que a Xunta non goberna para todos e para todas”. 

Fernández Piñeiro sinalou tamén que a Xunta vende fume unha vez máis consignando partidas irrisorias para cubrir o expediente, como no caso da “VAC da Costa da Morte ao seu paso de Vimianzo e Zas ten asignados só 2 millóns de euros, cando, como ben sabemos, esa cantidade é totalmente insuficiente”. “Só poñen esa partida para vender fume, e, como pasou tantas veces, ficará sen executar porque os recursos son totalmente insuficientes”, critica o socialista.  

“Rueda fai anuncios rimbombantes, como o das axudas para familias con persoas dependentes, mentres nos nega os recursos necesarios para esta fin aos concellos, que somos quen estamos prestando ese servizo”, destacou.  

Respecto a isto, Fernández lembrou que “a Xunta aporta só 11,50€ á hora á atención ás persoas dependentes, cando o servizo adxudícase entre 19 e 25€ á hora, un custo asumido polos concellos a pesar de que non lles corresponde”. “Está lastrando as nosas economías”, concluíu.  

Algunhas novas relacionadas