Bernardo Fernández critica “a falta de principios do Partido Popular por permitir que a alcaldesa de Boimorto, que se vacinou irregularmente da COVID antes de tempo, sexa candidata á alcaldía”

O secretario xeral dos socialistas da provincia da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, denuncia “a falta de principios do Partido Popular, que permite que a alcaldesa de Boimorto sexa de novo candidata á alcaldía, tras vacinarse contra a COVID-19 antes de que o SERGAS a chamara”. Neste sentido, o propio Partido Popular criticou no seu día que a alcaldesa de Boimorto recibira a vacina de maneira irregular antes que o resto da cidadanía.

A alcaldesa de Boimorto, María Jesús Novo, anunciou a súa baixa do Partido Popular en 2021, tras transcender que recibira a vacina contra a COVID-19 antes da súa quenda. “Pero continuou sendo alcaldesa porque grupo municipal do Partido Popular mantivo o seu apoio”, recorda Fernández Piñeiro.

Ás portas das vindeiras eleccións municipais, “publicáronse fotografías da alcaldesa de Boimorto participando en actos preparativos do partido, de cara aos comicios”.

Neses actos estaba tamén presente Diego Calvo, presidente do PP a nivel provincial e vicepresidente da Xunta. “Permitindo que a alcaldesa de Boimorto repita como candidata, Diego Calvo está a antepoñer os intereses electorais aos valores que se esperan dun partido político ético e democrático”, engade Fernández Piñeiro.

O líder dos socialistas da provincia insiste en que a 3 meses das eleccións, “a Diego Calvo xa non lle parece tan vergoñento que a alcaldesa de Boimorto trampease para vacinarse, malia que en 2021 lle parecía moi grave. Supoño que haberá algún motivo para este cambio de criterio tan drástico.”

“Nun momento de incertidume como a pandemia, a alcaldesa de Boimorto mostrou un comportamento egoísta e inmoral, vacinándose antes da súa quenda, en lugar de estar apoiando aos veciños e veciñas”, recorda o secretario provincial socialista. “Un comportamento que o Partido Popular parece apoiar e defender, tras permitir que sexa candidata de novo. É unha vergoña que unha persoa así represente ao Concello”, engade.

“O PP só presume dos seus principios en época interelectoral, é dicir, cando non hai eleccións. Cando hai eleccións válelle calquera cousa e calquera. Pídenlle a unha persoa que se dea de baixa para quedar ben tras o escándalo da vacinación, pero logo a recuperan para que se presente ás elecións”, finaliza o socialista.

Algunhas novas relacionadas