Bernardo Fernández denuncia “o uso partidista da Xunta” e considera “unha falta de respecto á cidade de Ferrol” que non invite ó alcalde aos actos

O secretario xeral do PSdeG Provincial da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, lamenta o “uso partidista das institucións por parte do Partido Popular”, tras non convidar a Xunta ao alcalde de Ferrol a un acto coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, ao que si convidou ao candidato do Partido Popular á alcaldía da cidade.

Concretamente, Ethel Vázquez visitou onte Ferrol para presentar o proxecto dun novo aparcadoiro disuasorio en San Xoán (Ferrol), que se unirá a outro en San Sadurniño. O alcalde, o socialista Ángel Mato, non foi invitado a este acto de presentación, ao que si asistiu o candidato do Partido Popular á alcaldía, José Manuel Rey Varela.

Os socialistas denuncian que a Xunta “parece estar xa en campaña electoral, presentando os dous aparcadoiros, que implican un investimento de 1,6 millóns de euros, para o que só chaman ao candidato do Partido Popular á alcaldía, pero non ao alcalde socialista”.

Neste sentido, os socialistas da provincia recordan que o novo aparcadoiro disuasorio de San Xoán, na cidade de Ferrol, está financiado con cargo ao Plan de Recuperación do Goberno de España, a través dos fondos europeos Next Generation. “Non é de estrañar que a Xunta tampouco detalle que se trata tamén dun investimento do Goberno con fondos europeos”, puntualizan os socialistas.

“Por desgraza, estamos acostumados á deslealdade institucional por parte da Xunta, quen esquece invitar aos representantes socialistas aos actos. Unha actitude que supón unha falta de respecto á cidadanía de Ferrol e unha mostra clara do uso partidista das institucións públicas que fai o Partido Popular”, engade Fernández Piñeiro.

“Alguén que aspira a ser alcalde, como o señor Rey Varela, debería respectar aos seus veciños e veciñas, e non prestarse a este tipo de actitudes alonxadas da necesaria cortesía institucional”, afirma o PSOE.

Os socialistas rematan lembrando que non é a primeira vez que pasa recentemente en Ferrol, xa que pasou o mesmo na inauguración do edificio reformado da Autoridade Portuaria, coa visita de Alfonso Rueda ao Porto Xacobeo de Ferrol, “e noutras ocasións nas que o PP despreza ao alcalde elixido democráticamente por todos os veciños e veciñas”.

Algunhas novas relacionadas