Os socialistas da provincia trasladan o seu apoio aos traballadores/as de Teleperfomance ante o traslado da súa actividade a Colombia

O PSdeG Provincial da Coruña reuniuse con representantes dos traballadores e traballadoras de Teleperformance, que presta a atención teléfonica de Naturgy, ante o traslado a Colombia da súa actividade. Para a representación socialista, encabezada pola vicesecretaria xeral, Alejandra Pérez, “esta decisión supón unha falta total de compromiso con Galicia por parte de Naturgy”.

A empresa presta dende Galicia o servizo de atención telefónica de Unión Fenosa Distribución (UDF), que é filial de Naturgy. Este servizo ofrecíase ademais de a Galicia, a outras comunidades autónomas, como Galicia ou Castela e León, xestionando, entre outros asuntos, as avarías. Porén, a compañía eléctrica pretende deslocalizar este servizo a Colombia, provocando unha importante perda de postos de traballo.

O secretario xeral do PSdeG Provincial da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, expresou tamén a postura dos socialistas neste asunto: “Entendemos que os servizos das empresas españolas deberían de prestarse no noso país, xerando emprego e riqueza, permitindo aos nosos veciños/as desenvolver os seus proxectos vitais”.

Os socialistas escoitaron as demandas dos empregados/as e trasladáronlles o seu apoio ante esta situación. Neste caso, o plantel reduciríase nun 80%, provocando a perda de 100 postos de traballo na cidade da Coruña.

Ante esta decisión, os socialistas lamentan a perda de vínculos da empresa con Galicia. “Naturgy, herdeira da fusión entre Gas Natural e Unión Fenosa, continúa a desmantelar as instalacións que a empresa tiña orixinalmente en Galicia, unha falta total de compromiso coa cidadanía”, sinalan os socialistas.

“Malia que dende a empresa afirman que non se despedirá a ninguén, é evidente que se dinamita o servizo trasladando a actividade. Apenas 20 persoas quedaranse na Coruña, mentres que o resto do servizo trasladarase a Colombia”, denuncian os socialistas.

Neste sentido, os socialistas coinciden cos representantes dos empregados/as nas consecuencias para os consumidores/as desta situación. “A atención en galego só estaría dispoñible de 8:00 a 22:00, en vez de 24 horas. Isto implica ademais unha falta de coñecemento da xeografía galega, dada a súa importancia en avarías eléctricas”, engaden.

 

Algunhas novas relacionadas