Os deputados e senadores socialistas da Coruña destacan que a “reforma laboral atalla os problemas da precariedade e o alto desemprego”

Os deputados socialistas da provincia da Coruña no Congreso dos Deputados, Montserrat García Chavarría, Natividad González Laso e Diego Taibo, así como o senador Manuel Mirás, destacan “o consenso da reforma laboral aprobada polo Goberno central, que reforza a creación de emprego de calidade e ofrece seguridade xurídica ás empresas”.

Todos eles deron esta mañá unha rolda de prensa na sede da Agrupación Provincial Socialista na Coruña, á que tamén asistiu José Manuel Carreira, secretario de Asuntos Laborais da executiva provincial do PSdeG.

“Dende o goberno, os socialistas puxémonos a tarefa de deseñar políticas económicas ao servizo das persoas, que nos permitan recuperar dereitos”, sinalou González Laso, destacando a reforma laboral como unha desas políticas.

“Este acordo cambiará a vida da xente deste país, modificando as condicións laborais que tronzan os proxectos de vida das persoas”, engade a deputada.

Segundo sinala o senador Manuel Mirás, esta reforma laboral impulsada polos socialistas é “un feito histórico porque en poucas ocasións nunha reforma deste calado se conseguiu un acordo con todos os axentes implicados, sindicatos e patronal”.

Neste sentido, o deputado socialista Diego Taibo recalca a importancia dunha reforma que busca “atallar os dous principais males herdados do PP tras a súa reforma laboral en 2012: a precariedade e o alto nivel de desemprego”.

“Redúcese o número de contratos, para que o contrato indefinido sexa o máis habitual. Limítase tamén a contratación temporal, con só dous modelos de contrato”, engadiu Taibo.

“Tamén se incrementan as sancións por contratación irregular e se fomenta a formación dos nosos traballadores e traballadoras”, subliña.

“Recupérase a negociación colectiva, situándoa de novo no centro das relacións laborais; aumentan os dereitos dos traballadores e se recupera a prevalencia do convenio sectorial fronte ao convenio de empresa”, matizou a deputada García Chavarría.

A reforma laboral foi xa aprobada polo Consello de Ministros e comeza agora os trámites para a súa aprobación a nivel parlamentario. “É de esperar o apoio das distintas forzas políticas a algo tan importante como esta reforma laboral, que se demanda dende unha ampla maioría social”, apuntou García Chavarría.

“O goberno demostra que saímos das crises reforzando o Estado do Benestar e non recortando como ocorreu cos gobernos da dereita”, rematou Taibo.

Algunhas novas relacionadas