A Deputación e o Goberno demandan á Xunta que destine aos concellos o 15% dos fondos COVID que recibe do Estado

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o Delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, demandaron hoxe á Xunta de Galicia que destine aos concellos o 15% dos fondos COVID que recibe do Estado.

Despois da primeira reunión institucional do presidente provincial co novo delegado do Goberno, ambos quixeron sumarse á petición emitida nos últimos días pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e tamén pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP).

González Formoso reclamou que “parte da transferencia que o Estado realizou á Xunta para apoio aos colectivos económicos máis afectados pola pandemia vaian parar aos concellos xa que son as entidades máis apegadas á realidade das persoas” e están en primeira liña na loita contra a pandemia.

“Desde a Deputación poñemos este ano a dispor dos concellos 90 millóns de euros, que supoñen máis do 50% do orzamento total desta institución”, afirmou González Formoso, que destacou tamén que o seu Goberno puxo en marcha no último ano, “con fondos propios e sen colaboración da Xunta”, plans de axudas directas á hostalaría e aos autónomos e microempresas máis afectadas pola pandemia por importe de 25 millóns de euros, nun esforzo sen precedentes por parte da administración provincial para reactivar a economía da provincia.

Pola súa parte, José Miñones incidiu en que “os 1.200 millóns de euros que se trasladaron á Xunta de Galicia para paliar os efectos da COVID súmanse a eses 7.000 millóns de euros que o Goberno, en diferentes liñas de accións do seu escudo social, está a destinar a Galicia”.

O delegado do Goberno subliñou a importancia de que “esas cantidades cheguen aos concellos porque son os que están a aplicar as políticas necesarias de xestión da pandemia” comezando polos “272 millóns máis que o Goberno vai transferir agora a Galicia para eses gastos sanitarios”.

Sobre o apoio ao sector do comercio, a hostalería e os autónomos comentou que é vital que “non sexa só a través das administracións locais, senón que tamén se implique a Xunta de Galicia con eses fondos do Estado”.

Recurso ante a retirada de mobles do Pazo de Meirás

Tanto o presidente da Deputación da Coruña como o delegado do Goberno confirmaron hoxe que ambas administracións recorreron a dilixencia xudicial que autoriza aos Franco a retirar bens mobles do Pazo de Meirás.

“Seguimos no camiño de defender que aqueles bens inventariados que sexan patrimonio do Estado, protexidos polo ámbito público, se queden no Pazo” declarou Valentín González Formoso. Un discurso similar ao de José Miñones, que anunciou que “a Avogacía do Estado segue a traballar no obxectivo común de protexer o que é un ben e patrimonio público”.

Algunhas novas relacionadas