Os socialistas de Malpica agradecen que a Deputación da Coruña destine á Mostra da Olería de Buño 80.000 euros nos orzamentos de 2022, unha petición feita sendo alcalde Walter Pardo

A Deputación da Coruña incluíu nos orzamentos da institución provincial do ano 2022 unha partida de 80.000 euros para a próxima edición da Mostra da Olería de Buño.

A Deputación da resposta así a unha demanda do socialista Walter Pardo, que solicitou este apoio antes de verse obrigado a deixar a alcaldía de Malpica pola moción de censura. “No 2021 recibimos 40.000 euros para a mostra, xa que a súa celebración viuse moi limitada pola pandemia, pero no 2022 esperamos que volva a normalidade”, apunta Pardo.

“Cando aínda estaba na alcaldía falei coa Deputación sobre a importancia da Mostra da Olería de Buño para nós e sobre a posibilidade de incluír a partida nos orzamentos, polo que agradezo a súa receptividade”, lembra Pardo.

O deputado encargado da área de Facenda na Deputación da Coruña, Antonio Leira, explica que “efectivamente estaba pactado con Walter Pardo, entón alcalde de Malpica, este apoio á mostra, e de feito quedou comprometido nunha reunión que mantivemos”.

“Como calquera outro concello, a pandemia provocou un parón en moitos eventos en Malpica, polo que debemos loitar entre todos para recuperalos; ogallá a Mostra da Olería de Buño 2022 sexa un gran éxito”, remata Walter Pardo.

Algunhas novas relacionadas