O PSdeG de Lousame celebra a licitación da mellora da estrada provincial DP-1105, “unha demanda histórica do municipio”

O PSdeG-PSOE de Lousame celebra a licitación por parte da Deputación da Coruña das obras de mellora da estrada provincial DP-1105, que une Noia, Lousame e Boiro. Estes traballos teñen un orzamento previsto de 923.074 euros.

A voceira socialista en Lousame, Ana Domínguez, lembra que a mellora desta estrada “é unha demanda histórica, particularmente do noso municipio”. Considera que a obra “vai cumprir por fin con esta demanda”, polo que agradece á Deputación e ao seu presidente Valentín González Formoso “o seu compromiso coa veciñanza de Lousame e da comarca en xeral”.

Domínguez sinala que o tramo da DP-1105 sobre o que se executarán as obras de mellora da seguridade e renovación do pavimento “ten moito tráfico en ambos sentidos, especialmente polo movemento de traballadores e traballadoras de sectores como o da industria conserveira, polo que é o máis perigoso actualmente”.

“O vial ten moitas necesidades, de feito, anteriormente pediuse tamén o seu traspaso á Xunta, dado o seu carácter prioritario”, sinala a socialista. “Agora, estas necesidades por fin serán resoltas”, engade.

Esta licitación prodúcese logo de completar a renovación da estrada nos seus primeiros 5,5 quilómetros, correspondentes ao Concello de Noia, e afectará agora ao tramo que vai ata o quilómetro 13 do vial, ubicado nos termos municipais de Lousame e Boiro.

Os traballos suporán a renovación da plataforma do vial, a roza das marxes, a apertura e limpeza de arcéns e cunetas, o pintado das marcas viais, bordes e pasos de peóns, e a renovación da sinalización horizontal. Con esta actuación, a Deputación suma 1,5 millóns de euros de investimento para completar a mellora integral da estrada.

Algunhas novas relacionadas