O PSdeG de Rianxo celebra a aprobación do proxecto de residencia e centro ocupacional da Deputación

O PSdeG-PSOE de Rianxo celebra a aprobación definitiva por parte da Deputación da Coruña do proxecto de residencia comarcal e centro ocupacional que se instalará no municipio.  

A institución provincial e o Concello de Rianxo asinan agora o convenio que dará paso á redacción do proxecto técnico, logo de que no pasado mes de abril se anunciase o acordo. Este proxecto foi anunciado xunto a outros centros de características similares que a Deputación impulsa en Ordes e nas Pontes. 

O voceiro socialista en Rianxo, Óscar Rial, sinala que o centro dará “un servizo moi reclamado e valorado pola veciñanza”. “Levamos facendo seguimento ao proceso dende o último ano, co obxectivo de que este culminase nun centro ocupacional, non só residencial”, explica. 

“Sempre quixemos que fose máis que unha residencia, que tivese unha maior dispoñibilidade de servizos, e agradecemos que a Deputación escoitase e aceptase as nosas reivindicacións”, sinala Rial. “Alegrámonos de que por fin se poida asinar o convenio, que vai marcar un antes e un despois nos servizos sociais en Rianxo”, engade. 

O voceiro socialista destaca que a sinatura do convenio é “un éxito para Rianxo”, e reafirma o compromiso do PSdeG co municipio “goberne quen goberne”. “Queremos destacar o noso agradecemento ao traballo da Deputación e do seu presidente Valentín Formoso, e seguiremos traballando para que o proxecto avance en todo o que poidamos”, concluíu Rial. 

Algunhas novas relacionadas