O PSdeG de Abegondo celebra que fose aprobada a súa iniciativa para gravar os plenos

O PSdeG-PSOE de Abegondo celebra a aprobación no último pleno municipal da gravación das sesións plenarias, impulsada pola propia agrupación. 

Jairo Bello, voceiro socialista no municipio, considera que esta iniciativa “froito do noso traballo resulta fundamental para que a veciñanza poida seguir máis de cerca o que acontece no Concello”. “Por fin Abegondo se suma ao que xa ocorre nos concellos da contorna desde hai anos”, lembra o socialista. 

“Estamos agradecidos porque fose atendida esta demanda, e esperamos que tamén o sexan máis cedo que tarde moitas outras, como a da modificación do horario dos plenos ás 13:30 e a de ter unha plataforma conxunta para o envío de documentación aos grupos políticos”, sinala Bello. 

No mesmo pleno ordinario do pasado venres, os socialistas de Abegondo destacaron que, coa solicitude correspondente a segunda fase do Plan Provincial de Cooperación ás Obras e Servizos de Competencia Municipal POS+ADICIONAL 2/2023, a Deputación da Coruña destinará máis de 700.000€ a Abegondo neste ano.  

“Agardamos que esta forte inversión no noso Concello sirva para financiar obras básicas de alcantarillado e saneamento, como se contemplou na sesión plenaria”, apuntou o voceiro socialista. 

Ademais disto, os representantes socialistas Ana Mayo e José Cañás participaron o pasado sábado na reunión coa veciñanza de Folgoso para amosar as alegacions elaboradas polo equipo técnico na chamada fronte común contra a instalación da subestación de Red Eléctrica na parroquia de Folgoso. 

Os representantes “comprobaron de primeira man que todos os alí presentes afirmaron estar na mesma liña de actuación”, destacan dende a agrupación local. “Todos os veciños e veciñas que queiran asinar como apoio a estas alegacións poderán facelo, e canta máis resposta e argumentos en contra da instalación teñamos, mellor”, engaden os socialistas. 

Algunhas novas relacionadas