Bernardo Fernández reivindica “o plan de recuperación do Goberno de Pedro Sánchez que Feijóo intentou boicotear”

O secretario xeral do PSdeG-PSOE Provincial da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, estivo hoxe en Val do Dubra xunto aos alcaldes socialistas da comarca para reivindicar “todo o feito por Pedro Sánchez no que se refire ao municipalismo”.  

Fernández Piñeiro destacou primeiramente a eliminación da “limitación que tiñamos para empregar os remanentes, imposta polo Partido Popular no Goberno de Mario Rajoy, permitindo que os Concellos empreguemos os nosos aforros”.  

O socialista reivindicou tamén o Plan de Resiliencia, “con esa cantidade inxente de fondos europeos que o Goberno de Pedro Sánchez conseguiu en contra do criterio do PP, que traballaba nas institucións europeas para que estes non chegasen a España”. “Feijóo intentou boicotear o plan de recuperación, que supuxo investimentos moi importantes para os Concellos”, engadiu.  

O secretario xeral provincial e tamén alcalde de Pontedeume afirmou que estes e outros investimentos foron “os máis inxentes dende o punto de vista económico das últimas décadas”.  

“O PSOE goberna para todos, e a dereita goberna só para unha minoría de beneficiados das súas políticas, aqueles que financian as súas campañas e que os apoian dende os seus medios de comunicación”, concluíu Fernández Piñeiro.

Algunhas novas relacionadas