O PSdeG homenaxea en Dodro aos alcaldes e candidatos socialistas da historia da vila, que “deron o mellor de si en favor da veciñanza”

O PSdeG-PSOE de Dodro deu comezo á súa campaña de cara ás vindeiras eleccións municipais cun acto de homenaxe aos candidatos e alcaldes socialistas da historia do municipio. O acto serviu tamén para presentar a candidatura de Xabier Castro Tourís para revalidar a alcaldía que ostenta dende 2019. 

Castro Tourís estivo acompañado no acto polo secretario de organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, e polo secretario xeral do PSdeG provincial, Bernardo Fernández Piñeiro. Este último salientou o “moi emotivo” que era para el render homenaxe a candidatos e alcaldes “que deron o mellor de si mesmos en favor desta vila e a súa veciñanza”. 

Fernández Piñeiro amosouse convencido de que Castro Tourís revalidará a alcaldía de Dodro, “neste caso cunha maioría suficiente para poder desenvolver o proxecto que representa, que é o do Partido Socialista”. 

Pola súa banda, Xabier Castro Tourís fixo un repaso da súa traxectoria no Concello: “Afilieime ao Partido Socialista por convicción, por ideas”, sendo elixido concelleiro por primeira vez en 1987. 

O candidato puxo en valor a persistencia dos candidatos socialistas en Dodro, xa que, “con só 5 candidatos, o Partido Socialista en Dodro fixo 44 anos de democracia e 44 anos de política municipal”. 

Algunhas novas relacionadas