Os socialistas instan a poñer fin “a esta longa noite que mantén a Padrón nunha situación de atraso e abandono”

Anxo Arca será o candidato socialista á alcaldía de Padrón nas vindeiras eleccións municipais. Recentemente, os socialistas de Padrón presentaron ao seu candidato, nun acto no que tamén participou o líder provincial do PSdeG, Bernardo Fernández Piñeiro.

“O Partido Popular nestas lexislaturas só trouxo parálise a este municipio, sen pensar nunca na maioría dos veciños e veciñas”, sinalou o secretario xeral do PSdeG-Provincial da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, quen insistiu en que Anxo Arca “é un exemplo de que a xuventude tamén se implica”.

Fernández Piñeiro recordou que o proxecto do candidato socialista merece o apoio “cando en fronte hai un Goberno que non é capaz de aproveitar as posibilidades que ofrece Padrón, que non aposta pola cultura, o deporte ou as infraestruturas”.

O candidato socialista, Anxo Arca, en referencia aos gobernos do Partido Popular, manifestou que é hora de rematar “con esta longa noite de 12 anos que mantén ao noso municipio nunha lamentable situación de atraso e abandono”.

O socialista insistiu en que o goberno do Partido Popular “carece de proxecto, acumula oportunidades perdidas e a súa xestión presenta graves carencias tanto a nivel urbano como no rural”.

Neste sentido, Arca manifestou a súa preocupación “pola falta de innovación, a perda de poboación, o abandono do casco histórico, a ausencia dun plan de emprego ou o peche durante 2 anos da oficina municipal de Turismo, coincidindo xusto cando se celebraban 2 anos Xacobeos seguidos”.

“Fronte ao desleixo do alcalde do Partido Popular Antonio Fernández, os socialistas ofrecemos traballo; fronte aos excesos, ofrecemos capacidade e seriedade; fronte á falta de ideas e a pobre xestión, ofrecemos un proxecto sólido que garanta un futuro digno para padrón”, rematou o candidato, quen recordou o “enorme potencial sen explotar de Padrón”.

Algunhas novas relacionadas