Os socialistas de Rianxo presentan á Deputación dous proxectos para mellorar a seguridade viaria no municipio

Óscar Rial, candidato socialista á alcaldía de Rianxo, reuniuse co deputado provincial e voceiro socialista na Deputación, Bernardo Fernández Piñeiro, para estudar a viabilidade de dous proxectos na vila de Rianxo. Tamén participou na reunión o socialista Miguel Iglesias.

“Queremos mellorar as infraestruturas da nosa vila, por iso acudimos á Deputación da Coruña”, explicou Rial, quen propuxo dous proxectos de mellora na rede de estradas provinciais ao seu paso por Rianxo.

“Dunha banda, trasladamos unha demanda dos veciños e veciñas, que fora recollida pola agrupación municipal socialista, para construír unha pasarela peonil na ponte de Quintáns. Actualmente, nesa zona non existe un paso peonil, o que supón un importante perigo para a seguridade dos veciños e veciñas”, explica o candidato socialista.

“Doutra banda, expuxemos a necesidade de ampliar a sección da estrada DP-7201, ao seu paso polo I.E.S. Félix Muriel. Estes traballos permitirían mellorar a circulación e dotar á vía de servizos futuros cando esta estrada conecte coa DP-3301, tal e como contempla o futuro PXOM”, detalla Rial.

Neste sentido, o socialista engade que os traballos de ampliación “permitirían dotar á vía de beirarrúas no lado dereito, permitindo que o alumnado acceda ao instituto con total seguridade”.

Por último, os socialistas agradeceron “a disposición da Deputación a escoitar os nosos proxectos, cos que buscamos dar solución ás demandas da cidadanía”.

Algunhas novas relacionadas