O candidato socialista Jorge Ulla comprométese a crear unha oficina de desenvolvemento económico e empresarial en Narón

O candidato socialista á alcaldía de Narón, Jorge Ulla, reuniuse hoxe coa Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (COFER) e con representantes da Asociación da Industria Auxiliar de Navantia. Durante a reunión, o socialista anunciou a súa intención de crear unha oficina de desenvolvemento empresarial e de desbloquear o proxecto dun espazo de conciliación no polígono Río del Pozo.

O socialista comprometeuse a crear unha oficina de desenvolvemento económico e empresarial. “Este proxecto realizaría as funcións de consultoría, que permita crear e atraer a novas empresas, pero que tamén acompañe ás empresas que xa están instaladas nos trámites burocráticos para captar fondos e investimentos”, explica o socialista.

“A nosa intención dende o Partido Socialista é dotar ao tecido industrial dunha entidade que apoie e fomente ás empresas. Ademais, nesta proposta recollemos as necesidades que nos trasladan as empresas, como por exemplo a necesidade de formación”, engade.

Neste sentido, o socialista recalca que máis do 50% dos traballadores/as da construción superan os 60 anos de idade. “Isto repercutirá nunha falta de mano de obra no futuro e que queremos solucionar con plans de formacións, que inclúan itinerarios formativos adaptados ás necesidades das empresas”, explica.

Por último, Ulla coincidiu cos representantes dos empresarios/as na necesidade de que as medidas empresariais vaian en consonancia coa política social. Neste sentido, o socialista comprometeuse a retomar o proxecto de 2008, “cando varias empresas compraron parcelas para crear un recinto de conciliación familiar no polígono Río del Pozo”. “Un proxecto que desbloquearemos para garantir a conciliación dos traballadores/as do tecido empresarial”, finaliza.

Algunhas novas relacionadas