Os socialistas do Val do Dubra congregan a máis de 60 persoas na Xuntanza Informativa sobre o vertedoiro en Niveiro

O partido socialista de Val Dubra congregou a máis de 60 persoas na reunión informativa que convocou este xoves para tratar sobre a posible instalación dun vertedoiro en Niveiro, así como debater sobre as accións que se poderían levar a cabo. 

A xuntanza contou coa participación do voceiro municipal do PSOE de Val do Dubra, Diego Luís Díaz, xunto á deputada autonómica Noa Díaz, e á voceira municipal do PSOE de Teo, Uxía Lemus, que estivo acompañada por veciñanza do Concello de Teo, afectados por unha problemática similar na Casalonga. 

O concelleiro socialista detallou cales foron os pasos que se deron ate o momento para frear este proxecto, así como as dificultades que existiron para acceder á información relativa ao expediente por parte do actual goberno municipal. Diego Luís Díaz comprometeuse a continuar ao lado da veciñanza do Val do Dubra para que o vertedoiro non chegue a instalarse no seu concello. 

O voceiro expuxo que o Grupo socialista está a disposición dos veciños e veciñas afectados por esta posible instalación en Niveiro, e animou á veciñanza a crear canto antes unha Plataforma para defender os intereses do Concello do Val do Dubra e promover as mobilizacións necesarias. O PSOE local insistiu na súa máxima disposición a participar en calquera das acción que se pretendan levar a cabo.  

Tanto Uxía Lemus, como os veciños afectados da Casalonga e Noa Díaz relataron a experiencia vivida no Concello de Teo, e na mesma liña defenderon a necesidade de que a veciñanza do Val do Dubra se involucre directamente canto antes. Todos aseguraron que é a mellor forma de paralizar un proxecto coma este. 

Algunhas novas relacionadas