Os socialistas de Malpica agradecen “o compromiso da Deputación da Coruña coa Mostra de Olería de Buño 2022”, cunha achega provincial de 80.000 euros

A Deputación da Coruña aprobou no pleno de onte a sinatura dun convenio co Concello de Malpica para destinar unha partida de 80.000 euros á Mostra de Olería de Buño, que se celebrará do 4 ao 7 de agosto.

A partida é unha petición expresa do socialista Walter Pardo, que solicitou este apoio á mostra antes de verse obrigado a deixar a alcaldía de Malpica pola moción de censura.

“Cando aínda estaba na alcaldía falei coa Deputación sobre a importancia da Mostra de Olería de Buño para nós e sobre a posibilidade de incluír a partida nos orzamentos, polo que agradezo a súa receptividade”, lembra Pardo.

Os 80.000 euros servirán para facer fronte ao 80% dos gastos de organización da mostra, orzamentados en 100.000 euros. O deputado encargado da área de Facenda na Deputación da Coruña, Antonio Leira, explica que “efectivamente estaba pactado con Walter Pardo, entón alcalde de Malpica, este apoio á mostra”.

A mostra celebra neste mes de agosto a súa edición número 38, unha cita xa tradicional no verán da Costa da Morte para coñecer a tradición da olería, cun programa que inclúe numerosas actividades para todas as idades.

Algunhas novas relacionadas