Os socialistas de Val do Dubra critican que o concello rexeite unha proposta para “a concesión de axudas por nacemento e adopción”

Os socialistas de Val do Dubra lamentan que o grupo de goberno no concello rexeitase no último pleno unha moción para impulsar “unha ordenanza reguladora de axudas para nacementos de fillos e fillas, adopción ou acollemento preadoptivo, tal e como xa teñen concellos similares ao noso, e que estas se poidan outorgar en base a criterios obxectivos, entre os que figure a renda”.

“Os socialistas consideramos que é un instrumento que podía ser moi interesante nun concello rural como o noso, e no cal perdemos poboación dun xeito acelerado, sobre todo nas últimas décadas”, asegura Diego Luis Díaz, portavoz do PSOE de Val do Dubra.

“Esta medida tería un impacto económico menor no noso orzamento e ademais ía en consonancia coas normativas aprobadas en concellos similares ao noso e gobernados polo PP, como O Pino, Frades ou Tordoia; sen embargo o goberno dubres, composto polo PP, Terra Galega e un concelleiro independente, decidiron rexeitar esta proposta”, engade.

Dende o PSdeG -PSOE de Val do Dubra, “deixamos constar o noso pesar porque o goberno local actue deste xeito, non apoiando absolutamente ningunha iniciativa da oposicion polo mero feito de non ser ideada por eles; unha magoa que nin fagan, nin deixen proponer”.

“Este concello ven sufrindo nos últimos anos unha clara tendencia á diminución da poboación en atención ao envecellemento da mesma así como ao desprazamento á núcleos urbanos, feitos que implican graves consecuencias para o noso municipio”, explican os socialistas.

“O número de habitantes no ano 1996 superaba os 5.000 habitantes, descendendo neste último ano 2021 ata os 3.800 aproximadamente”, rematan.

Algunhas novas relacionadas