A dirección provincial socialista respalda a José Antonio Pereira na moción de censura na que se materializou “o asalto ao poder na Baña do Partido Popular”

Bernardo Fernández, portavoz dos socialistas na Deputación da Coruña, e Antonio Leira, coordinador comarcal da Agrupación Provincial do PSdeG-PSOE, estiveron hoxe na Baña para mostrar o seu respaldo a José Antonio Pereira, que se viu obrigado a deixar a alcaldía pola moción de censura presentada polo Partido Popular e Compromiso por Galicia.

Tamén asistiu Blas García, deputado provincial e alcalde de Ames; Manuel Ángel Leis Míguez, alcalde de Negreira; representantes do grupo parlamentario do PSOE e os portavoces socialistas en concellos como Teo, Mazaricos e Malpica, entre outros.

“Os socialistas consolidaron na Baña en pouco máis de dous anos un proxecto de progreso liderado por José Antonio Pereira que mellorou a vida dos veciños”, afirmou Fernández, que lamentou que a moción “responde exclusivamente a ambicións e intereses persoais”.

Pola súa parte, Leira garantiu que “o PSOE seguirá traballando con responsabilidade desde a oposición ata as próximas eleccións municipais, onde estamos convencidos de que os veciños e veciñas a Baña falarán claro”.

A dirección socialista na provincia da Coruña denunciou de novo o “oportunismo político” do PP e o de ex alcalde da Baña, Andrés García Cardeso, “que liderou esta maniobra de asalto ao poder que non respecta a decisión dos veciños, que votaron polo cambio nas últimas eleccións municipais”.

“A xente recoñece o importante traballo desenvolvido polo goberno municipal desde xuño de 2019, esta moción é un regreso ao pasado e o PSOE estará á altura das circunstancias, traballando e ao carón dos veciños”, engadiu Fernández.

Algunhas novas relacionadas