A Deputación financia con 100.000 euros o Servizo Municipal de Emerxencias Sociais (SEMUS) do Concello de Santiago

Valentín González Formoso asistiu hoxe á presentación do vehículo do novo Servizo Municipal de Emerxencias Sociais (SEMUS) do Concello de Santiago de Compostela, financiado con 100.000 euros pola Deputación da Coruña a través do fondo social do Plan Único, que conta cun orzamento de 14 millóns de euros e que destina 320.000 euros en total para actuacións na cidade compostelá.

No acto, ao que asistiron o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a deputada de Benestar Social, Ana Lamas; e a concelleira de Políticas Sociais e deputada provincial, María Milagros Castro, serviu tamén para incidir na importancia do servizo, creado en colaboración con Cruz Vermella e que permite cubrir calquera urxencia de carácter social na cidade as 24 horas e os 365 días do ano, ofrecendo unha ferramenta pioneira en Galicia que só existe actualmente na Coruña e en Santiago.

O SEMUS permite complementar a atención dos Servizos Sociais Municipais e doutros dispositivos públicos ou privados nos horarios nos que non están operativos e tamén apoia á Policía Local, Bombeiros e Protección Civil cando se lles presenten problemáticas sociais que requiran actuar de xeito inmediato e sistemas especializados de resposta. Tamén realizan saídas nocturnas cos vehículos que hoxe se presentaron para dar apoio ás persoas sen fogar que pasan a noite nas rúas da cidade e realizarán dispositivos especiais de climatoloxía adversa, nos días en que hai alertas que poden supor un risco ou perigo para estas persoas.

González Formoso destacou que “vemos a realidade do que supón a aposta pola protección social por parte da Deputación da Coruña neste ano, onde fomos capaces de poñer en marcha unha liña como o Plan Único Social” e aplaudiu a acción do Concello de Santiago ·no ámbito da protección e da intervención social, sen horarios da administración, ofrecendo un servizo 24 horas”.

Sánchez Bugallo cualificou ao SEMUS como “un servizo extraordinariamente importante que presta atención 365 días ao ano, 7 días á semana e 24 horas ao día”.

Por último, María Milagros Castro subliñou “a seguridade que da de que, cando os servizos sociais municipais non están en horario de funcionamento entre o SEMUS” e desexou que “aínda que creo que é un programa boísimo agardo non ter que realizar moitas actuacións deste tipo xa que isto significará que as cousas van ben”.

Visita ao coworking da Cámara de Comercio de Santiago

Na xornada de hoxe o presidente provincial visitou tamén, acompañado de Sánchez Bugallo, o centro de coworking que a Cámara de Comercio de Santiago habilitou nas instalacións da entidade, no polígono de Costa Vella, e que ven de ser premiado de novo por Funcas e a Universidade Rey Juan Carlos como o mellor de España para a creación de empresas.

Foron recibidos polo presidente da Cámara, José Carballo, e o vicepresidente, Jorge Lorenzo, que explicaron a intensa actividade que realizan desde a Cámara, que aglutina a numerosas empresas na áreas de Compostela e Barbanza, ás que inxecta fondos europeos que permiten levar a cabo políticas importantes como pode ser a dixitalización.

Ademais, dada a experiencia que a Deputación xa ten no ámbito da dixitalización e do traballo en rede a través da súa propia rede de centros de coworking, o presidente da Cámara presentou o proxecto de espazo de traballo colaborativo dixital para estudar a posibilidade de traballar xuntos fomentando sinerxías que melloren o tecido empresarial, dean oportunidades a emprendedores e faciliten a súa dixitalización.

Neste sentido González Formoso salientou que “Galicia necesita deste tipo de colaboracións entre institucións e empresas, o que redundará nun beneficio da propia demarcación da Cámara e da provincia da Coruña” e, pola súa parte, José Carballo valorou a visita e destacou que “hablamos el mismo lenguaje y nos vamos a entender para ser útiles a las empresas de la demarcación”.

Algunhas novas relacionadas