O PSOE de Abegondo celebra o compromiso da Deputación para mellorar a DP-0103 en Sarandós, “unha demanda histórica da veciñanza”

O PSdeG-PSOE de Abegondo celebra o compromiso da Deputación da Coruña coa mellora da estrada DP-0103 entre as parroquias abegondesas de Sarandós e Montouto. Este compromiso foi reafirmado onte pola deputada provincial de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, nunha reunión co Concello. 

Esta visita prodúcese “logo da reunión realizada o pasado outubro entre o PSOE abegondés e a deputada de Vías e Obras, ante unha forte demanda por parte da veciñanza das parroquias polas que pasa esta vía”, destaca o voceiro socialista Jairo Bello. 

“Agradecemos moito a implicación da Deputación da Coruña de cara a cumprir con esta demanda histórica”, sinala. O socialista aprecia que “por fin esta mellora vai ser unha realidade”. 

Jairo Bello destaca que este acordo xorde “da xestión previa e as reunións impulsadas polo PSOE local coa deputada de Vías e Obras, Mónica Rodríguez, logo de que nos puxésemos en contacto con ela para abordar esta problemática”. 

“Agardamos que, coa colaboración entre as administracións implicadas, estas actuacións se leven adiante polo ben da seguridade de todos e todas”, indica o socialista. “É un éxito de toda a veciñanza de Abegondo”, engade. 

Mónica Rodríguez acudiu a Abegondo xunto con técnicos urbanísticos da administración provincial para analizar as posibles actuacions neste tramo da estrada. Acordouse a elaboración do proxecto de cara a, entre outras actuacións, mellorar a sinalización con particular énfase na parada de transporte escolar en Figueroa, revisar o límite de velocidade e crear novos pasos peonís. 

Algunhas novas relacionadas