O PSOE de Frades reclama que se cubran as excedencias do Centro de Saúde: “O sistema volve estar colapsado, non se dan citas”

A veciñanza de Frades reclamou, na concentración convocada para esta mañá polo PSdeG-PSOE local e apoiada polos demais grupos políticos, que se cubran as excedencias dunha médica do Centro de Saúde. 

O voceiro socialista en Frades, Enrique Astray, celebrou a acollida da convocatoria entre a veciñanza, e destacou que nela “non pedimos nada a maiores nin que non sexa xusto, senón algo que xa tiñamos”. 

Astray sinala que as excedencias sen cubrir desta doutora, unha dos dous únicos facultativos do centro, teñen como consecuencia que “o sistema volve estar colapsado, non se dan citas”.  

“Convocamos a concentración porque a reunión co conselleiro aínda non se produciu e a situación é insostible”, sinala o socialista. “Hai que facerlle entender que este problema non está solucionado”, engade. 

“Este é un tema que nos afecta a todos por igual”, lembra Astray, que recalca que a concentración “non é en contra de ninguén, como interpretaron algúns membros do Partido Popular, senón a favor de todos e todas”. 

Tamén acudiu á concentración a vicevoceira socialista no Parlamento galego Begoña Rodríguez Rumbo, que destacou que “este problema existe tamén en Mesía, en Cerceda, en calquera Concello, particularmente no rural”. “Quen ten as competencias, neste caso a Xunta de Galicia gobernada polo Partido Popular, é quen ten que poñer os medios para darlle solución”, afirmou. 

“Dende o Grupo Socialista no Parlamento Galego imos presentar unha pregunta e unha proposición non de lei ao respecto disto, que agardamos que o Partido Popular responda e diga si”, anunciou Rodríguez Rumbo. 

Algunhas novas relacionadas