O PSdeG de Frades critica ao alcalde por “arrogarse un éxito de todos como é a aprobación da senda entre Aiazo e Ponte Carreira

O PSdeG-PSOE de Frades celebra que a Deputación da Coruña dea luz verde á senda peonil entre Aiazo e Ponte Carreira, á que destinará un investimento de 527.000 euros.  

O voceiro dos socialistas no municipio, Enrique Astray, sinala que a aprobación da obra “é unha moi boa nova para a veciñanza de Frades, que leva anos reclamándoa”. Destaca que o desta senda é “un proxecto polo que loitamos todos os grupos políticos”.  

“Ao ser froito dun traballo de todos, resulta sorprendente que o alcalde intente presentar esta aprobación técnica como un logro único e persoal”, critica Astray, en referencia ás declaracións do popular Roberto Rey Martínez, que atribuíu o éxito ás xestións realizadas por el na Deputación como deputado provincial.  

O socialista considera “moi desleal que se intente colgar a medalla, tendo en conta que el mesmo pediu, no pleno do 8 de novembro de 2019, ir todos da man para lograr esta senda”. “Nestes dous meses escasos que leva como deputado provincial non lle deu tempo a mover ningún fío, el sabe que foi cousa de todos os grupos”, engade.  

O voceiro lembra que dende o PSdeG de Frades mantiveron diversas reunións coas áreas de Vías e Obras e de Economía e Facenda, dirixidas polos socialistas na Deputación, para lograr a tramitación desta obra. Tamén destaca que a aprobación da mesma foi unánime do pleno, polo que “ninguén pode arrogarse un éxito de todos como é a aprobación da senda entre Aiazo e Ponte Carreira”.

Algunhas novas relacionadas