
O PSdeG da Laracha critica os recortes de profesorado no CEIP Ramón Otero Pedrayo
O PSdeG-PSOE da Laracha critica o recorte de persoal docente no CEIP Ramón Otero Pedrayo, logo de que a consellería de Educación da Xunta de Galicia anunciase a supresión de dous mestres de Educación Infantil e dúas prazas itinerantes de Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL).
Trátase de dous mestres de educación infantil no CEIP, un PT definitivo no IES e o AL compartido con Bormoio-Agualada con dispoñibilidade de 8 horas para cada centro. Asemade, redúcense 3 mestres no IES con respecto ao curso pasado, sendo este curso o curso con maior número de estudantes dos últimos anos.
O grupo municipal socialista denunciou que este recorte supón “un ataque máis da Xunta de Galicia do PP á educación pública”.
O PSdeG-PSOE da Laracha presentará no Concello unha moción no vindeiro pleno para instar á Xunta “a reverter os recortes de docentes e reforzar e atender as necesidades de profesorado”.
A moción que presentarán lembra que “nos últimos días familias do CEIP Otero Pedrayo da Laracha manifestáronse polo recorte de profesorado no centro”. Reclamaron, ademáis da restitución das prazas suprimidas, “unha educación en termos de calidade e igualdade ao alumnado con necesidades”.
Os socialistas critican que estes recortes de profesorado prodúcense “a pesar de que, segundo o centro, aumenta o alumnado con necesidades para o curso 2023/2024”. Lembran tamén que “neste concello existe ademais malestar nas familias do IES Agra de Leborís, que con máis alumnado tamén sofre os recortes da consellería”.