
O PSdeG reivindica o seu compromiso con Ferrolterra e a creación de postos de traballo na comarca nun almorzo informativo en Ferrol
O PSdeG-PSOE provincial da Coruña organizou un almorzo informativo en Ferrol ao que asistiron o secretario xeral da formación Valentín González Formoso, o cabeza de lista ao Congreso na provincia José Miñones, e o secretario xeral provincial Bernardo Fernández Piñeiro.
Formoso comezou a súa intervención destacando os compromisos do Goberno estatal con Ferrol. “O convenio con Defensa, no eido do desenvolvemento urbanístico, levaba 30 anos atascado e tivo a oportunidade de desatascarse grazas á sensibilidade do Goberno de España e á altura de miras de Ángel Mato”, destacou o socialista.
O secretario xeral do PSdeG lembrou tamén os “máis de 6.000 millóns de euros en contratos do Estado, que están comezando a incidir no aumento do emprego”, e a “aposta total de Navantia polas enerxías renovables en Fene, con carga de traballo para os próximos 15 anos”.
Formoso reivindicou tamén que “a nova Lei de Formación Profesional vai investir 600 millóns en Galicia, para que os Centros de Formación Profesional de Ferrolterra poidan ir incorporando ao alumnado ao centro produtivo”. Destacou tamén diversos proxectos apoiados polo Goberno de España en Mugardos, Moeche ou As Pontes.
“Por fin imos ter un gran centro de transformación de madeira nesta comarca, que é a principal comarca en produción de madeira de toda Europa”, sinalou tamén o líder dos socialistas galegos. “Veñen tempos moi favorables que teñen un selo, o do Partido Socialista”, engadiu.
Pola súa banda, Miñones reivindicou os “cinco anos de investimento continuo na comarca de Ferrol”, e contrapuxo o labor do Goberno do que fai parte como ministro de Sanidade ao labor do Partido Popular.
“Esta campaña vaise lembrar por ser a das mentiras de Feijóo”, afirmou Miñones. O candidato lembrou que este moi recentemente “quedou en evidencia ao admitir que si sabía que Marcial Dorado era un contrabandista, xa que non quixo dicir narcotraficante”.
O ministro afirmou que dende o seu Goberno “demostramos que hai xeitos distintos de saír das crises”. “O Partido Popular díxonos que das crises había que saír cunha man diante e con outra detrás, recortando, e nós demostramos que se pode saír das crises medrando, reforzados, coa segunda menor inflación da UE, e creando emprego”, sinalou.
Miñones fixo énfase tamén en que “o Goberno de España foi o goberno máis galego da historia”, poñendo como exemplos disto a chegada do AVE ou a bonificación da AP-9.
Bernardo Fernández Piñeiro, pola súa banda, reivindicou que o PSOE adicou a campaña “a explicar o noso programa porque non temos ningún interese en ocultalo, mentres o PP adicou a campaña a inventar bulos e a falar de cousas que non preocupan á poboación mentres manteñen agochado o seu programa”.
O secretario xeral provincial puxo como exemplos de medidas deste “programa oculto” do PP “a anulación da revalorización das pensións co IPC ou a derogación da reforma laboral, como si din sen tapuxos os seus socios de Vox”.