Miñones pon en valor “o compromiso do Goberno do Partido Socialista co sector do mar” na lonxa da Coruña

O ministro de Sanidade e cabeza de lista do PSdeG-PSOE na provincia da Coruña ao Congreso, José Miñones, visitou de madrugada a lonxa da Coruña. Acudiron xunto a el o secretario xeral provincial Bernardo Fernández Piñeiro e os tamén candidatos Obdulia Taboadela, Diego Taibo e Natividad González Laso. 

“Quixemos comezar o último día de campaña na lonxa da Coruña para amosar o compromiso do Partido Socialista e do Goberno de Pedro Sánchez co sector do mar”, comezou sinalando Miñones. 

Dende o PSdeG-PSOE quixeron “coñecer os proxectos nos que están a traballar, e amosar o que fixemos nestes últimos 5 anos polo sector, un sector que para Galicia é clave e polo que temos que seguir pelexando, especialmente na Unión Europea”. 

Respecto do labor do ministro de Agricultura e Pesca, Luis Planas, Miñones sinalou que este “dende logo fixo un moi bo traballo, co incremento das cotas de pesca, pero temos que seguir traballando de cara aos vindeiros anos”. 

Pola súa banda, Bernardo Fernández aproveitou a ocasión para apelar ao voto ao PSOE, “que ao longo desdes últimos 5 anos fixo tanto polos sectores produtivos nunha situación moi complexa, primeiro a causa da pandemia e logo da guerra de Ucraína”. 

“Precisamos que este país siga avanzando e siga adoptando medidas que están a relanzar á economía de España como está facendo o Goberno de Pedro Sánchez, sendo a nosa unha das economías europeas que máis e mellor medran”, destacou o secretario xeral provincial. “Ademais, España medra do xeito máis xusto, que é o máis importante, non só medrar, senón medrar todos xuntos”, engadiu. 

Algunhas novas relacionadas