
Miñones compromete o apoio do PSOE para que os novos contratos para Navantia “veñan a Ferrol para xerar máis postos de traballo”
O PSdeG-PSOE provincial da Coruña reuniuse en Ferrol co Comité de Empresa de Navantia, co obxectivo de coñecer as súas reivindicacións e trasladarlles as súas propostas de cara á vindeira lexislatura. Participaron na reunión os candidatos socialistas José Miñones, Obdulia Taboadela, Montse García Chavarría, Xosé Sánchez Bugallo e Natividad González Laso, e mais o secretario xeral provincial Bernardo Fernández Piñeiro.
Miñones destacou que Navantia é “unha industria que significa moito para os ferroláns, para toda a comarca e para toda Galicia”, e reivindicou o compromiso do Goberno de Pedro Sánchez con esta, afirmando que “calquera pode ver como estaba hai 5 anos Navantia e como está agora”.
O cabeza de lista ao Congreso na provincia e tamén ministro de Sanidade destacou que o Goberno do que fai parte “aposta pola enerxía renovable, pola eólica mariña, pola eólica terrestre, no que Navantia Fene é un referente a nivel mundial”
Miñones destacou así mesmo a “inversión de 4.000 millóns de euros do Goberno de Pedro Sánchez no contrato das fragatas”. Porén, advertiu que os “9.000 postos de traballo” da empresa “están en risco, porque Feijóo e Abascal non apostan polas enerxías renovables”.
“Temos enriba da mesa un contrato de Australia que se resolverá no mes de setembro, e no caso de ter eses contratos, comprometémonos a que veñan a Ferrol para xerar aínda máis postos de traballo”, destacou o socialista.
Pola súa banda, o candidato ao Senado na provincia Xosé Sánchez Bugallo aproveitou a ocasión para valorar o debate electoral en RTVE, no que ao seu xuízo “Vox representou ao Partido Popular sin filtros, con sinceridade”.
En contraposición, Bugallo veu a un presidente do Goberno “sereno, coñecedor da situación, comprometido, e unha vicepresidenta do Goberno que fixo un papel moi digno como complemento necesario do Partido Socialista.