
Bugallo afirma que “Vox representou moi ben ao PP” no debate porque “eles son o PP sen filtro”
O exalcalde de Santiago de Compostela e candidato socialista ao Senado na provincia da Coruña, Xosé Sánchez Bugallo, participou nun reparto de propaganda electoral no Mercado de Abastos da cidade.
En declaracións aos medios alí presentes, Bugallo valorou o debate electoral de RTVE, afirmando sobre a ausencia de Feijóo que nel “Vox representou moi ben ao PP, porque eles son o Partido Popular sen filtro”.
O socialista pediu ao electorado “votar pensando naquilo que realmente lle preocupa, xa que a dereita pretende desviar a atención para que non se fale de temas como o da subida das pensións, contra a que presentaron un recurso de inconstitucionalidade”.
“Tamén presentaron recursos de inconstitucionalidade contra a reforma laboral, ou no seu día contra a Lei do Matrimonio Igualitario, están en contra de calquera avance social”, sinalou o candidato. Tamén reivindicou a subida do SMI e a creación do Ingreso Mínimo Vital.
En relación ao aumento dos contratos indefinidos provocado pola nova reforma laboral, o socialista lembrou que “Feijóo dixo que Rajoy creou máis emprego que Zapatero, pero a realidade foi que Rajoy nos levou aos 6 millóns de parados, destruíronse empregos indefinidos e creáronse empregos precarios e a tempo parcial”. Amosouse tamén “totalmente convencido” da victoria do PSOE este domingo.