Os socialistas afirman en Malpica que “o 23X hai que elixir entre unha España de dereitos ou unha de dereitas”

O candidato do PSdeG ao Senado na provincia da Coruña, Xosé Sánchez Bugallo, e o secretario de Organización do PSdeG, José Manuel Lage Tuñas, acudiron hoxe a un reparto de propaganda electoral en Malpica de Bergantiños. 

Bugallo criticou o “intento de evitar falar dos temas que realmente preocupan á poboación” por parte do PP na Campaña electoral. “Por exemplo, cando evitan falar do tema da actualización das pensións co IPC, da estabilidade no emprego, do aumento do SMI, que nos tres casos tiveron a oposición permanente do Partido Popular”, sinalou. 

O candidato socialista ao Senado afeou ao PP que “o que están facendo é intentar desviar a atención, por exemplo co tema de Correos, que saben que é unha falsedade”. 

Pola súa banda, Lage Tuñas advertiu hoxe que a “verdadeira ameaza non é Vox”, senón que o PP chegue ao goberno “sen regras e con enganos masivos” para reeditar os “recortes e privatizacións” dos gobernos de Aznar, Bárcenas, Rato e Feijóo en Correos. 

O socialista sinalou que os socialistas galegos centrarán os últimos sete días da campaña electoral en pedirlle un voto “útil” aos cidadáns progresistas que aposten por “un país de dereitos e non de dereitas”. Presentou como argumento que o PSOE no goberno afrontou unha pandemia “sen deixar a ninguén atrás”, e advertiu que “se estivera o PP veríamos recortes sociais, nos servizos públicos e en dereitos” como na anterior crise. 

Tamén subliñou Lage Tuñas a importancia de concentrar o voto no Partido Socialista “para frear á dereita”, e advertiu que o sucedido en Estremadura constitúe un “botón de mostra” do “contiño do PP” cando fala da lista máis votada. Atribuíuno ao “trilerismo profesional” de Feijóo, que amosa cando “o collen nunha mentira flagrante falando do Pegasus e nin sequera se pon colorado”. 

Algunhas novas relacionadas