O PSdeG provincial da Coruña reivindica a reforma laboral do Goberno nunha reunión con UXT e CCOO en Ferrol

O PSdeG-PSOE provincial da Coruña reuniuse  na súa sede en Ferrol cos sindicatos UXT e CCOO, para tratar temas relacionados coa nova reforma laboral impulsada polo Goberno estatal. Na xuntanza participaron os candidatos socialistas ao Senado na provincia Xosé Sánchez Bugallo e Natividad González Laso, e mais a candidata ao Congreso tamén na provincia Montse García Chavarría.  

“Recentemente escoitamos a Feijóo declarando que a reforma laboral en realidade non estaba tan mal e só habería que facer algúns retoques, pero a realidade é que o recurso de inconstitucionalidade que presentaron contra a lei non está retirado”, sinalou Sánchez Bugallo. “Polo tanto, non podemos fiarnos destas declaracións”, engadiu.  

O candidato socialista ao Senado reivindicou que “a reforma laboral permitiu que o noso país pasase de ter os records de contratos temporais e precarios da UE a presentar un avance absolutamente significativo”.  

Pola súa banda, González Laso criticou tamén as declaracións de Núñez Feijóo, afirmando que “un candidato á presidencia que minte de xeito tan descarado debería estar inhabilitado para presentarse”.  

A socialista criticou tamén ao BNG pola súa posición contraria á reforma laboral. “Escoitei a Ana Pontón dicindo que tamén queren abolir a reforma laboral, van ir da man do Partido Popular para seguir votando en contra das melloras á favor dos traballadores e traballadoras como fixeron na pasada lexislatura”, sinalou.  

Montse García Chavarría destacou que “foi no ano 2012 cando o PP levou a cabo a peor e máis lesiva reforma laboral para os traballadores deste país”. García Chavarría afeou ao BNG que “votou tamén en contra da reforma laboral do Partido Socialista, e o fixo con Vox e co PP”. 

Algunhas novas relacionadas