Bernardo Fernández reivindica en Narón “o maior contrato da Armada cun estaleiro estatal”

O secretario xeral do PSdeG-PSOE provincial da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, acudiu a Narón xunto á candidata número 2 ao Congreso dos Deputados na provincia, Obdulia Taboadela, para reivindicar os investimentos do Goberno de Pedro Sánchez en Ferrolterra. 

“A impronta do Goberno de Pedro Sánchez na comarca está clarísima, cun contrato que é o maior da armada cun estaleiro estatal, varios miles de millóns de investimento que non repercuten só no estaleiro ferrolán, senón tamén na industria auxiliar, que en Narón ten tanto peso”, comezou sinalando o socialista. 

“Isto son feitos ,fronte a aqueles que empregan a mentira”, afirmou Fernández Piñeiro, en referencia ao Partido Popular. “Dicía o outro día Feijóo que o PP votou a favor de actualizar as pensións co IPC, e iso é falso”, afirmou. 

Fernández Piñeiro engadiu tamén sobre o PP de Feijóo que “tamén mentiron onte mesmo, poñendo en dúbida o proceso do voto por correo”. “Pedímoslle a Feijóo que deixe dunha vez de mentir e de poñer en cuestión as institucións democráticas, e que se poña a traballar en positivo”, concluíu. 

Pola súa banda, Obdulia Taboadela pediu tamén a Feijóo “que se adique a presentar un programa de goberno, que diga que vai facer en economía ou coas pensións, e entón comezará ser un aspirante a presidente crible, mentres tanto, só mentiras e discursos baleiros”. 

Algunhas novas relacionadas