
O PSOE da Coruña advirte “da axenda oculta do PP, que inclúe o recorte das pensións se chegan ao Goberno”
José Miñones e Xosé Sánchez Bugallo, cabezas de lista do PSdeG-PSOE ao Congreso e ao Senado respectivamente, tiveron un café con pensionistas en Culleredo, acompañados por outros integrantes das listas electorais socialistas.
Miñones definiu o encontro como “moi fructífero”, e aproveitou o mesmo para “trasladar a visión do Goberno para seguir avanzando” aos pensionistas que acudiron ao acto.
“770.000 galegos e galegas reciben unha pensión, e nos últimos anos viron como o Goberno de Pedro Sánchez saíu na súa defensa, para recoñecer todo o seu traballo realizado ao longo da súa vida”, sinalou o candidato ao Congreso.
O tamén ministro de Sanidade destacou que, só na provincia da Coruña, o Goberno inviste 325 millóns de euros ao mes “en mellorar a vida dos nosos pensionistas”.
“O 23 de xullo esta aí, e temos que falar do que realmente afecta á vida dos nosos veciños e veciñas”, sinalou Miñones. “Feijóo e Abascal votaron en contra destes investimentos, e sabemos que no futuro recortarán as pensións”, engadiu.
Pola súa banda, Sánchez Bugallo criticou que a dereita “está intentando desviar o debate con declaracións xenéricas pero sen entrar nos detalles”. Porén, estas declaracións agochan para o candidato a “axenda oculta do PP, que inclúe o recorte das pensións se chegan ao goberno”.