José Miñones reivindica en Betanzos “o compromiso de Pedro Sánchez cos avances sociais e os investimentos, como a rehabilitación do parque do Pasatempo”

José Miñones, candidato socialista número 1 ao Congreso na provincia, reivindicou en Betanzos “os investimentos e os avances sociais do Goberno de Pedro Sánchez nestes últimos anos”. O ministro de Sanidade estivo acompañado por Obdulia Taboadela, candidata número 2 ao Congreso; Natividad González Laso, candidata número 2 ao Senado; Montse García Chavarría, candidata número 3 ao Congreso; Diego Taibo, candidato número 4 ao Congreso, e María Barral, alcaldesa de Betanzos.

Miñones insistiu no compromiso socialista “cos investimentos e cos avances sociais”, que repercutiron en toda Galicia “e dos que na provincia da Coruña e en Betanzos tamén temos exemplos”.

Neste sentido, o candidato socialista ao Congreso recordou que o Goberno de Pedro Sánchez “foi o primeiro Goberno de España que investiu no parque do Pasatempo, cuxa rehabilitación estaba bloqueada á espera de financiamento, e foi un goberno dirixido polos socialistas o que puxo os cartos necesarios”.

A iso, Miñones engadiu os investimentos “en proxectos de rehabilitación de vivendas ou en turismo, así como ás axudas ao transportes, medidas que impactaron positivamente en Betanzos”. O candidato socialista referiuse tamén aos avances sociais, “como a revalorización das pensións, as axudas ao acceso á vivenda, a mellora do sistema de beca ou a reforma laboral”.

“Todos estes investimentos e os avances sociais están en risco”, engadiu Miñones, quen recordou que “os pactos da vergoña entre PP e VOX non garanten os dereitos das mulleres, do colectivo LGTBI, dos traballadores ou dos pensionistas ”.

Fronte ao retroceso da dereita, “o voto ao partido socialista garante que España avance e que continúen os investimentos en Galicia, na provincia da Coruña e por tanto en Betanzos”, rematou.

Algunhas novas relacionadas