
Miñones reivindica que o programa do PSOE “vai cambiar a vida dos galegos e das galegas”
O ministro de Sanidade, José Miñones, vén de participar en Madrid no acto de presentación do programa do PSOE para as eleccións municipais do 23 de xullo. O tamén cabeza de lista ao Congreso dos Deputados pola provincia da Coruña defendeu que as propostas da formación “van mellorar a vida dos galegos e as galegas”.
Miñones reivindicou que o do seu partido é “un programa realista, crible e participativo”, xa que “toda a sociedade enviou as súas aportacións para seguir construíndo a España que queremos”.
O candidato ao Congreso afirmou que os socialistas non van “caer no trumpismo, nas propostas demagóxicas”, sinalando ao Partido Popular de Feijóo.
“As nosas son propostas serias, porque sabemos que España pode seguir avanzando e que as imos levar adiante nos próximos catro anos co apoio da xente”, engadiu.
O socialista amosouse convencido de que o PSOE vai “facer posible que este programa chegue ao BOE e polo tanto sexa unha realidade”, para “seguir facendo o cambio que se merece España”.