Bernardo Fernández celebra que Ferrol reciba 3,5M€ para rehabilitación enerxética do Plan de Recuperación do Goberno que Feijóo tratou de boicotear

O secretario xeral do PSdeG-Provincial da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, mostra a súa satisfacción porque Ferrol reciba 3,5 millóns de euros para proxectos de rehabilitación enerxética, enmarcados no Plan de Recuperación do Goberno central. “Un programa impulsado polo goberno central e financiado pola Unión Europea, que o propio Feijóo tratou de boicotear”, recalca Fernández Piñeiro.

Neste sentido, o socialista critica que a Xunta “anuncie este programa para Ferrol omitindo que son fondos do Plan de Recuperación impulsado polo Goberno central”.

“A Xunta atribúese o mérito do plan de recuperación, sen mencionar ao Goberno central nas súas informacións. Agora atribúense o mérito, pero o Partido Popular votou en contra deste programa e intentou boicotealo na Unión Europea”, insiste o secretario provincial.

“Cando o Goberno central presentou o Plan de Recuperación no Congreso, financiado con fondos europeos, o Partido Popular votou en contra. Logo, o propio Feijóo tratou de boicotear o plan en Bruxelas, mostrando unha posición desleal co seu país e inédita en Europa”, recorda Fernández Piñeiro.

“Se fose por Feijóo e o Partido Popular, Galicia non recibiría hoxe os fondos europeos Next Generation. Uns fondos xestionados polo Goberno central a través do Plan de Recuperación, que recibiu o voto en contra do PP”, conclúen o líder dos socialistas da provincia.

Algunhas novas relacionadas