O PSdeG de Abegondo critica que non se lles fixo entrega da documentación necesaria antes do primeiro pleno extraordinario

O PSdeG-PSOE de Abegondo critica que o Concello non lles fixo entrega da documentación necesaria relativa aos 9 puntos do primeiro pleno extraordinario do novo mandato, impedindo de facto a súa participación no mesmo. 

O portavoz do grupo municipal socialista, Jairo Bello Vidal, explicou que dende a formación “solicitamos por rexistro a documentación e os informes sobre eses 9 puntos, pero chegamos ó día do pleno e non recibiramos ningún tipo de documentación”.  

Ademais, “á 13:00 do mediodía, cando o pleno era ás 14:00, reclamamos na secretaría e argumentaron que houbera un erro informático, cousa que entendemos que pode ocorrer”, explica o socialista. “O pleno iníciase e eu fago constar en acta que non podemos valorar ningun dos puntos do día porque non temos os informes, pero o alcalde fai caso omiso e se sigue co pleno extraordinario”, critica o socialista. 

 “A metade de pleno se nos facilita unha copia por escrito, pero a partir de aí non hai tempo material para poder estudalo”, engadiu Bello Vidal. “O alcalde ou o secretario tiñan que ter decidido que non se pode levar a cabo o pleno se hai compañeiros que non poden desenvolver as súas funcións”, sinala. 

Dende o PSdeG-PSOE de Abegondo reclaman “que as cousas se fagan con transparencia, en igualdade, e para nós non foi así, queremos que as cousas se fagan conforme á lei”. 

“Queremos destacar tamén que entre os puntos aprobados polos 8 concelleiros do PP está a subida do soldo do alcalde a 51.982€, cando no 2015 era de 44.450€), e os 25.842€ da 1/2 dedicación dun dos tenentes alcalde, algo que vemos fora da realidade actual do noso municipio e dos veciños e veciñas de Abegondo”, afeou o socialista ao Goberno local. 

Finalmente, Bello Vidal explicou tamén que “dentro das nosas propostas, e insistindo en que non tiñamos os informes dos puntos do orde do día, puidemos solicitar que se convocasen as sesións plenarias en horario semanal 19:30-20:00 horas para facilitar a asistencia dos abegondeses, e que se emitan en directo estas sesións”. Esta proposición non foi aceptada polo resto do pleno. 

“Ademais fixemos constar que a remuneración a recibir por asistencia a plenos dos 4 integrantes do grupo socialista irá destinada a entidades como Cruz Vermella, ONGs, entidades sen ánimo de lucro ou solidarias ou calquera que consideremos oportuna no seu momento”, concluíu Bello Vidal. 

Algunhas novas relacionadas