
Carmen Acuña critica “o aumento dos salarios do Goberno local de Oleiros nun 18%”
A voceira socialista en Oleiros, Carmen Acuña, critica que o Goberno local de Alternativa dos Veciños “incremente nun 18% o custo das retribucións que percibe o equipo de goberno”. A medida foi aprobada co único apoio do grupo de Goberno no primeiro pleno do mandato, celebrado esta semana.
“O custo total dos salarios que percibe o grupo de Goberno ascende a un total de 489.000 euros anuais, un aumento do 18,11% respecto a 2019, cando supoñía 414.013 euros”, sinala Acuña. A voceira socialista recorda que o Goberno local o integran 13 edís, “o mesmo número que en 2019, polo que o aumento do custe salarial repercutirá nun aumento dos soldos”.
“En 2019, a retribución anual da alcaldía era de 56.743 euros, fronte aos 62.000 aprobados neste mandato. Todos os concelleiros que xa tiñan dedicación exclusiva recibirán un notable aumento do soldo, entre 3.700 e 8.700 euros máis anualmente. Todo o grupo de Goberno aumentará o seu soldo entre un 9% e un 33%”, detalla.
Distribución desigual dos soldos
A socialista critica ademais a distribución desigual das retribucións dos membros do grupo de goberno. “O alcalde cobrará 62.000 euros por unha dedicación exclusiva, máis do dobre que un concelleiro cunha dedicación do 85% e case o dobre que varios concelleiros con dedicación exclusiva, cuxo soldo, tras a subida, será de 35.000 euros”, sinala Acuña.
Por último, o grupo de Goberno aprobou en solitario a designación da representación municipal na Sociedade “EDAR BENS S.A.” e no Consorcio “As Mariñas”. No marco desta representación, o grupo municipal socialista instou “ao diálogo do Concello de Oleiros con outras administracións, evitando a dinámica personalista e de confrontación do Goberno local neste tipo de entidades”.
Na fotografía, Carmen Acuña nunha imaxe de arquivo.