
Bernardo Fernández apoia a Sheila Rial para que Zas “saia do aletargamento no que leva sumido estes últimos anos”
O PSdeG-PSOE de Zas celebrou o seu mitin de peche de campaña de cara ás municipais deste domingo. A candidata socialista á alcaldía, Sheila Rial Mata, estivo acompañada polo secretario xeral provincial Bernardo Fernández Piñeiro, a vicevoceira no Parlamento galego Begoña Rodríguez Rumbo e a secretaria de Desenvolvemento Rural do partido, Rosa Arcos.
Fernández Piñeiro amosouse convencido de que Rial Mata “vai ser alcaldesa desta vila”, logrando así que Zas saia “do aletargamento no que leva sumido estes últimos anos como consecuencia das maiorías absolutas do BNG”.
O secretario xeral provincial sinalou que, “tras 15 días percorrendo o seu Concello, explicando o seu proxecto á veciñanza”, a veciñanza “soubo identificar en Sheila a alguén que ten a capacidade de garantir o mellor fututo para Zas”. “As espectativas electorais son moi altas”, recalcou.
Sheila Rial, pola súa banda, destacou tamén o proceso de escoita levado a cabo nas últimas semanas: “queremos o mellor para Zas, e iso significa traballar día a día para cada unha e para cada un de vós, e polo tanto entendiamos e entendemos que as nosas propostas, teñen que ser as vosas”.
“Vimos para acabar con esa clase de, chamánlle política, que funciona a base de persecucións, trabas intencionadas en trámites administrativos e ameazas que a día de hoxe, a pesar de estar no ano 2023, sigue existindo, e non se pode permitir”, dixo a candidata sinalando ao actual Goberno local.
A socialista fixo especial fincapé na igualdade de xénero no seu programa: “queremos e vamos a incorporar a perspectiva de xénero en todas as nosas políticas, incluíndo cláusulas en favor da igualdade laboral”. Tamén sinalou o obxectivo de que “os nosos agricultores e gandeiros se sintan respaldados e que Zas sexa un concello punteiro neste aspecto, que nos sirva para atraer relevo xeracional e novos empregos”.
En referencia ao Goberno local actual, Rial Mata dixo que, de ser elexida alcaldesa, “coidaremos os viais, desbroces e reparacións de bens públicos ano a ano e non só o mes antes das eleccións”. Destacou así mesmo a necesidade de impulsar a colaboración con asociacións, do apoio aos novos emprendedores, de fomentar o turismo ou de potenciar o uso dos espazos deportivos.
A candidata socialista concluíu a súa intervención recalcando a súa vontade de “traballar arreo, ano a ano, día a día, por conseguir o mellor para Zas”.