O PSdeG de Oleiros propón crear áreas caninas e eliminar a prohibición de acceso dos cans nos parques do municipio

O PSdeG-PSOE de Oleiros inclúe no seu programa electoral unha serie de propostas relativas ao medio ambiente e ao benestar animal. Algunhas das máis destacadas destas son as relativas a cans e gatos, incluíndo o fomento de espazos aos que as mascotas poidan acceder. 

A candidata socialista a alcaldía de Oleiros, Carmen acuña, destacou a súa aposta por “unha mellora medioambiental sostible”. Para ela, “o medio ambiente é prioritario”, xa que “a calidade do mesmo, o territorio, a biodiversidade e o benestar animal están entrelazados e esixen unhas políticas que atendan simultaneamente a todos estes factores”.  

Fronte ás prohibicións de acceso dos cans aos espazos públicos que impulsou o actual alcalde, Carmen Acuña propón crear áreas caninas pechadas para que poidan xogar en liberdade baixo supervisión dos seus donos en diferentes zonas, comezando polas máis urbanas, “que son as que presentan maior carencia”.   

Carmen Acuña propón eliminar as sinalizacións de “Prohibido cans” dos parques, restrinxindo as condicións de acceso a aquelas nas que haxa zonas de xogo infantís. “Regularase mediante ordenanza as obrigas sobre o paseo de cans polo Concello en espazos públicos e praias e implantarase un sistema de trazabilidade das deposicións caninas”, sinalou a socialista.  

A candidata expuxo tamén o seu obxectivo de “establecer areais que poidan utilizar cans en praias que non teñan bandeira azul”, e tamén o de fomentar a adopción “en colaboración coas asociacións protectoras de animais e o Consorcio das Mariñas”. 

Ademais, Acuña engadiu tamén que o Concello “ten que levar o control das colonias felinas, evitando así a proliferación de gatos, e impulsando as actuacións de captura e esterilización de animais da rúa”.

Algunhas novas relacionadas