O PSdeG de Oleiros denuncia que o municipio ten “as mesmas estradas agora que somos 37.000 veciños que cando eramos 7.000”

O PSdeG-PSOE de Oleiros denuncia os problemas de mobilidade que ten o Concello. A candidata á alcaldía de Oleiros, Carmen Acuña, sinala que este é “o gran problema” do municipio e que “temos que solucionalo xa”. 

“Non podemos seguir circulando polas mesmas estradas agora que somos máis de 37.000 habitantes que cando só eramos 7.000, hai que ofrecerlle á cidadanía alternativas viarias e de transporte colectivo”, sinala Acuña. 

Dende a formación propoñen poñer en marcha unha serie de medidas urxentes para solucionar esta problemática. Entre elas están as de “implantar aparcadoiros disuasorios ben conectados con transporte público” ou “impulsar acordos coa Xunta para mellorar itinerarios e frecuencias aos polígonos industriais, á vez que  bonificando fiscalmente a empresas que implanten modos de transporte colectivos”. 

Carmen Acuña tamén destacou a proposta socialista de implementar un plan “para progresivamente interconectar as redes viarias para ciclistas e dotalas de seguridade, e tamar incrementarán os itinerarios peonís interconectados e seguros”. Tamén propón impulsar “unha rede de estacións de bicicletas eléctricas”. 

Os socialistas pretenden lograr “unha mobilidade centrada en modos sostibles, potenciando os desprazamentos peonís, en bicicleta, o uso do transporte público”, e crear puntos de carga para coches eléctricos. 

Outras propostas expostas pola candidata inclúen mellorar a seguridade viaria, mellorar e humanizar vías, incrementar as liñas e frecuencias de bus, implantar o transporte público a demanda xestionado polo Concello ou resolver o problema de aparcamento no mercado e no centro de saúde de Perillo. 

Carmen Acuña tamén destacou que esixirá “con todo o respecto institucional, pero con determinación, que a administración autonómica sente coa mesa de alcaldes metropolitanos para estudar a implantación dunha autoridade única do transporte en coordinación cos buses urbanos da Coruña para desbloquear a extensión do urbano 1A durante todo o ano a Santa  Cristina”.  

Algunhas novas relacionadas