O exministro de Xustiza Francisco Caamaño participa nun acto do PSdeG de Oleiros en Nós

O PSdeG-PSOE de Oleiros celebrou na parroquia de Nós o acto ‘E a nosa democracia? Federalismo, democracia e municipalismo’. Interviron nel Francisco Caamaño, exministro de Xustiza, e Carmen Acuña, candidata socialista á alcaldía de Oleiros. 

Acuña agradeceu a presenza de Caamaño no municipio, ao que dixo admirar tanto “pola súa traxectoria política e profesional” como por ser “un gran mariñeiro e un gran pensador e comunicador”. 

A candidata socialista aproveitou a temática da charla para cargar contra a “ausencia de democracia” existente no Concello de Oleiros: “eu pensaba que iso era algo propio do PP, dos Baltares, dos caciques, pero tamén se atopa en Oleiros cun alcalde que presume de ser de esquerdas e progresista”. 

Acuña afirmou que, despois dos case 40 anos de goberno de Gelo en Oleiros, “o seu proxecto está esgotado” e o seu lider “endiosado”, dando lugar a unha “perda de democracia que se foi instaurando pouco a pouco”. “A xente foi asumindo como normal que lle apliquen castigos se van contra Gelo ou premios se van ó seu carón”, sinalou. 

Para a socialista, o Goberno local tenta facer ver como normal “a confrontación co resto das administracións en lugar do diálogo e da colaboración institucional” e “o insulto e a descalificación en lugar do debate e da negociación”. 

“O señor alcalde pensa que o Concello é seu, ata o punto de chegar a negarnos a entrada neste local público, impedíndonos facer un acto electoral tal e como lle mandaba a Xunta electoral” en referencia ao sucedido uns días antes na propia Casa do Pobo de Nós, onde xusto antes da celebración dun mitin do PSdeG programado nela fóiselles denegada a entrada na mesma. 

Carmen Acuña aproveitou a ocasión para pedir o voto para o PSdeG nas vindeiras municipais, “o verdadeiro socialismo, non o sucedáneo de Gelo”. “Temos que votar ó PSdeG-PSOE, non só para rematar co urbanismo excluínte que bota fóra de Oleiros á mocidade e aos de aquí para que entren os cartos, tamén para rematar co absolutismo do señor Gelo”, engadiu.  

Algunhas novas relacionadas