
O PSOE presenta “o mellor proxecto para o futuro de Rianxo”
O PSOE de Rianxo encheu esta tarde o Auditorio da localidade nun acto no que o candidato á alcaldía, Óscar Rial, estivo acompañado pola deputada no Congreso Montserrat García Chavarría e o secretario xeral de Xuventudes Socialistas, Xurxo Doval.
No ecuador da campaña, Óscar Rial agradeceu “o gran apoio que estamos recibindo en cada parroquia, en cada reunión, en cada casa, por parte dos nosos veciños” e pediu que ese caudal de simpatía se transfome en votos ao PSOE o vindeiro 28 de maio para “impulsar o cambio que Rianxo necesita”.
“Presentamos o mellor proxecto para o futuro de Rianxo e un equipo unido e renovado, integrado por persoas con ilusión e capacidade para levalo a cabo”, afirmou o candidato, que sostivo que os socialistas concorren ás eleccións “preparados para gobernar”.
Rial detallou que entre as principais prioridades do PSOE figuran a mellora dos servizos públicos, especialmente no rural; a dinamización económica e a creación de emprego que permita tamén á xente moza establecer a súa vida no municipio, a posta en marcha da ansiada residencia de maiores, con financiamento xa comprometido pola Deputación da Coruña, o apoio ao sector do mar nos momentos difíciles que atravesa.