O PSdeG de Laxe aspira a poñer fin “ó estado de abandono no que se atopa o Concello”

O PSdeG-PSOE de Laxe celebrou o mitin central da súa campaña de cara as vindeiras eleccións municipais. Nel interviron o candidato á alcaldía Francisco Vidal e a vicevoceira parlamentaria Begoña Rodríguez Rumbo. 

O candidato socialista explicou que tomou a decisión de encabezar a lista “porque dende hai anos observo o estado de abandono no que se atopa o Concello de Laxe, mentres outros concellos da comarca prosperan”. Son necesarios “cambios urxentes para corrixir esta inercia e poñer de novo a Laxe no mapa dos concellos exemplares”, indica. 

Entre as súas prioridades, Vidal destacou a de lograr “uns servizos administrativos eficientes, unha atención ao cidadán eficaz e cun seguimento dos problemas, para que non se acumulen e se perdan”. Tamén “un servizo de mantemento eficaz, baseado na planificación” ou “un plan de xestión de residuos que optimice a recollida e reciclaxe”. 

O socialista reclamou tamén “solucións reais aos problemas de tráfico”, mellorar os servizos sociais, crear aparcadoiros de caravanas, promover o turismo de natureza ou apoiar ás asociacións culturais e deportivas. 

Pola contra, Vidal foi contundente en afirmar que “o que non faremos é prometer o imposible, prometer obras que se escapan ao alcance das competencias do Concello”. Tampouco “realizar obras nos últimos días de campaña para captar votos como se está facendo actualmente”, afeou ao actual Goberno local. 

Algunhas novas relacionadas