Bernardo Fernández apoia en Sada a Almudena Pena para “garantir o mellor futuro para a veciñanza”

O secretario xeral do PSdeG provincial, Bernardo Fernández Piñeiro, acudiu a Sada para amosar o seu apoio á candidata socialista á alcaldía da localidade, Almudena Pena. 

“Estamos aquí para falar do futuro de todas as persoas que residen en Sada e que merecen un Goberno que se centre única e exclusivamente na mellora e no progreso desta vila”, comezou sinalando Fernández Piñeiro. 

O secretario xeral provincial destacou que “o Partido Socialista ten un proxecto claro para este Concello”, e que a súa candidata en Sada “xa amosou a súa capacidade de traballo nos tempos que tivo responsabilidades de goberno nunha formación independente como independente”. 

“Tanto ela como todos os veciños e veciñas que a acompañan poden aportar moito ao conxunto dos cidadáns desta vila”, sinalou Fernández Piñeiro sobre a lista presentada pola formación para as vindeiras municipais. O obxectivo desta, indicou, é “traballar entre todos e todas para garantir o mellor futuro para a veciñanza de Sada”. 

Pola súa banda, Almudena Pena agradeceu “a confianza e o apoio da dirección provincial do PSdeG-PSOE” que recibiu para liderar a candidatura socialista en Sada. “Estou segura de que vou conseguir o apoio dunha ampla maioría de veciños, que me ven como a persona capaz de reactivar Sada dende o punto de vista económico, cultural e social”, afirmou. 

Entre as propostas da súa candidatura, Pena destacou “desenvolver o proxecto de rexeneración do tramo urbano do río Maior para evitar inundacións”, a dinamización do porto ou unha “actuación global que de solución de manera sostenible” da praia de Sada e o seu entorno. 

Algunhas novas relacionadas