
Bernardo Fernández apoia a Manuel Insua en Corcubión: “defende os intereses da veciñanza por enriba de calquera outro”
O PSdeG-PSOE de Corcubión celebrou un mitin no que contou coa participación de Bernardo Fernández Piñeiro, secretario xeral provincial.
Fernández Piñeiro destacou que o alcalde e candidato socialista á alcaldía de Corcubión, Manuel Insua, é “un amigo que ademais é un gran alcalde, o mellor que os veciños e veciñas de Corcubión poderían ter”.
“No seu día a día non fixo máis que defender os intereses de todos os veciños e veciñas contra vento e marea, insistindo en todas as administración, tanto as gobernadas polo Partido Popular como as gobernadas polo Partido Socialista” sinalou o secretario xeral provincial sobre o alcalde de Corcubión.
“Se algo caracteriza a Lalo Insua é que por enriba de calquera outro interese, incluso o do partido, defende o interese da veciñanza da súa vila”, afirmou Fernández Piñeiro, que engadiu que “a única opción de futuro, de mellora, de modernización desta vila, chámase Lalo Insua, chámase Partido Socialista”.
Para o secretario xeral provincial, Insua “deixou a pel para mellorar Corcubión, de aí o apoio que recibiu nas últimas eleccións”. Por esta razón, amosouse convencido de que “o vai volver recibir nas vindeiras municipais do 28 de maio”.
Pola súa banda, Manuel Insua destacou que o seu programa está “centrado sobre todo nos servizos sociais”, que no caso de Corcubión son “totalmente públicos e os imos seguir mantendo e mellorando”.
O alcalde socialista afondou na necesidade de “manter todo o que temos” logo dos últimos 12 anos de goberno do PSdeG na vila. “Imos pelexar e seguir pelexando para que a Xunta asuma as súas competencias en Corcubión”, engadiu. Tamén fixo fincapé no obxectivo de “humanizar o máximo posible a parte histórica da vila”.